luns, 16 de novembro de 2015

Non vaian volver os roqueiros coa bisexualidade


Foto: George Hodan

Conta Manuel Rivas que unha vez, en certo programa chamado cultural da canle autonómica madrileña, un escritor, a xeito de crítica da súa novela Os libros arden mal, colleu un exemplar e botouno nun cubo do lixo. Literalmente, á vista das cámaras. Non sei se é casual que conte Rivas isto máis ou menos ó tempo que unha súa colega, a conto dos atentados de París, os definía no Twitter coma “violencia masculina”. A anécdota de Rivas é ben ilustrativa. A ocorrencia dela recibiu as reaccións que merecía.
A Rivas ben lle puidera ter valido o desdén exhibicionista do presentador do programa para facer publicidade da súa novela, se quixera. A intención da escritora semella inequivocamente encamiñada nesta dirección, pois pensar que de verdade considere válida e racional esa teoría súa custa. Tampouco se estrañaría un de que así fora, mais dubídoo.
Malia non ter relación aparente, lembro moitas entrevistas de traballo nas que fun directamente ofendido; unha delas, nun sindicato, por certo. A actitude dos entrevistadores imitaba a do líder dunha panda de navalleiros durante as probas de ingreso dun novo membro. Nesta situación, nunca avalían en función da intelixencia, senón da colloada. Non sei se vistes Asesinato de un corredor de apuestas chino, de John Cassavettes. Nunha escena, un malpocado é chamado ó despacho do dono do casino clandestino no que debe unha cantidade importante. Pregúntanlle en que traballa. El di que é urólogo. “Iso no meu idioma é un fontaneiro”, di o xefe dos falcatrueiros, sen traza de broma, cun desprezo frío nos seus ollos coma o cristal. O resto da entrevista discorre nun ton parello. Pois aquelas entrevistas non foron moi distintas. Eu decatábame do que se pretendía, madía levaba. Era só unha comedia para calibrar se eu era dos seus, algo que se facía estraño en ofertas dun traballo que non fora o de cabeza de cártel. En fin, nunca tiven paciencia para estas charlotadas, por dignidade. Algunha vez teño visto na rúa a algún daqueles malandros empresariais e tiven que volver a cara para que non me viran apertar os beizos en represión da risa.
O que as tres anécdotas teñen en común é a exaltación do cerebro en modo off como algo imprescindible. E nótese que falo de escritores e empresarios. Mesmo para xente en teoría reticente á puerilidade e preocupada polo práctico a fin de manter a flote un negocio, o impulso resulta irresistible. Dentro de pouco, os roqueiros, para volver ás radios, volverán coa leria de proclamar publicamente que son bisexuais, coma David Bowie no seu día. Coma se a alguén lle importara.

Ningún comentario:

Publicar un comentario