luns, 21 de setembro de 2015

Confianza na coitela


Foto: Talia Felix

Onte pola mañá leo no dominical de El País un artigo de Gabriela Wiener acerca dun grupo feminista madrileño que se fai chamar Scum Girls (as Mozas Escoura, en tradución aproximada). A fotografía amosa unha das súas manifestacións. Na pancarta que levan arrastro polo asfalto hai rotulado o lema “Somos malas, podemos ser peores” ou algo semellante, e debuxada a figura dunha moza termando dunha coitela. Disque unha das actividades do tal grupo consiste en se situar nalgún curruncho e “chamar a atención” (intúo que aquí Wiener, por simpatía, e non sei se tamén por camaradería, emprega un eufemismo) dos homes que pasan, que disque responden a esa chamada de atención con loas ás súas estampas e invitacións máis ou menos groseiras a chegar á terceira base, como diría un adolescente segundo certo cinema ianqui dos 50-60. Algunha das Scum rexistra todo en vídeo para penduralo logo nas redes sociais como proba da vixencia da cousificación. A falta de aclarar a natureza desas chamadas de atención, e sospeitando que serán máis ca ofertas para participar nunha enquisa, e se os homes que responden a elas o fan en serio ou coa chanza que tal vez presupoñan á actitude das mozas, a miña reacción habíaas decepcionar. Se chegara a pasar por aló neses momentos, veríanme seguir sen determe, incapaz de termar da risa, perante o ridículo da situación. Supoño que son un home extraordinario. O chiste é que, interrogada unha das Scum Girls acerca do xeito en que os varóns do seu entorno ven o seu grupo, confesa: “Cada día temos un problema con eles. É esgotador”. Diríase que fala con pesar e abraio. Coma se de certo non comprendera que empregar unha coitela como explicación de intencións e ideoloxía pode xerar certas tensións e reticencias. Se cadra a mensaxe se dirixe a homes non dabondo sutís para percibir esas connotacións en tal símbolo.
Despois, contra a noite, ceando, deume por mirar un telefilme. Adoitan ser moi dixestos. Os protagonistas eran unha parella, o típico. O papel dela era bastante plano: a muller inxenua que se namora do asasino sen saber que o é. El era un escritor de certo éxito e temática criminal coa estética estándar de literato televisivo-cinematográfico: a medias entre bohemio de Zara e político aznarista deses co cabelo longo pero ben lavado. Ó que se vía, o paisano érache boa prea: unha vez que enredaba a unha muller, adicábase a manipulala sentimentalmente ata afastala de familia e amizades e volvela tola de todo. Nada sorprendente nun telefilme; o desexable para un non incondicional como son eu tería sido un comportamento máis orixinal. Mais non, para satisfacción de centos de miles ou millóns de telespectadores, femininos na súa maioría, de seguro. Un telefilme sustenta o seu éxito en dicir á súa audiencia xustamente o que esta desexa oír. Para o caso, que os homes con inclinacións artísticas, e permítome a arroutada de engadir que intelixentes, son uns rariños perigosos. Moito.
É curioso como individuos en teoría tan distantes coma as mozas integrantes das Scum Girls e tantas amas de casa de mediana idade e mentalidade conservadora poden chegar a ter tanto en común. Para o pistoleiro dos filmes do Oeste de Sergio Leone, o revólver era o seu mellor amigo, o único no que sentían que podían confiar. Tanto para unhas coma as outras, a amiga é a coitela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario