luns, 14 de setembro de 2015

As paixóns inflamables (e prescindibles)



A Gerard Piqué, central do F. C. Barcelona, moitos seareiros levaban tempo a asubiarlle non ben tocaba a bola nos partidos da selección española como local. O motivo, parece, non era tanto que se tivera el manifestado a prol do referendo catalán (nunca a prol da hipotética independencia, por certo), coma o seu xeito de celebrar os triunfos do seu equipo. Sobre isto opino que fixo unha exhibición de mediocridade. Non hai peor celebración do éxito dun ca lembrar o fracaso alleo. Semella Piqué ser dese tipo de deportistas que entenden que non hai contrincantes, senón rivais.
A cousa non debera dar para máis, pero a tal punto chegou a teima da prensa da rama Tomás Roncero que tivo que saír explicar en rolda de prensa os seus actos. Seica a súa declaración máis destacable foi que el sempre se alegrará da derrota do Real Madrid e que non vai mudar de comportamento. Sobreentendo o engadido non transcrito de “porque eu son así”.
Cando revelou Gerard Piqué esa súa paixón que o inflama ata o extremo de lle tirar momentaneamente a dignidade, case repetín en voz alta unha desas frases de cinema que lle quedan cravadas a un na memoria e saltan coma resortes con demasiada frecuencia ó escoitar unha defensa orgullosa dos propios defectos. É de Calle Mayor, de Juan Antonio Bardem, nesa escena na que o forasteiro novo conversa co escritor vello sobre os mozos da vila, na que o primeiro está de paso con proxectos importantes nas mans e o segundo, home de volta de case todo, aspira apenas a un retiro espiritual. E di o escritor que “Cumpren co seu traballo, mesmo ben, se se quere. Aparte diso, ningunha inquietude”. Omite as brincadeiras crueis a mulleres solteiras inxenuas, porque non é inquietude, senón pasatempo de sabor forte para non notar a falta de sal na vida.
A definición pode moi ben aplicarse sesenta anos despois a boa parte da poboación española entre Estaca de Bares e Gata, e entre Puigcerdà e Tarifa. Personificación axeitada dela é o mesmo Gerard Piqué. Cumpre sen problema co que del se espera. Aparte diso, encarreira as súas forzas cara obxectivos daniños se se quere, prescindibles como mínimo. E non me refiro ó gusto polo fútbol.

Ningún comentario:

Publicar un comentario