martes, 4 de agosto de 2015
A realidade na gaiola
Foto: Karen Arnold
Vai aló o sétimo capítulo da segunda tempada de True Detective e o que a define ós meus ollos non é a trama ensarillada ata límites como pouco arriscados (por se fora pouco, os personaxes falan coma se o espectador estivera xa ó tanto de todo), nin que os tres protagonistas “bos” teñan máis problemas na cabeciña cá suma dos pacientes dun psiquiatra especializado en artistas nun ano enteiro, nin que sexa unha serie máis estereotipada do que moitos poidan pensar. Non. Unha das cousas das que me congratulo mirándoa é de non ser o tradutor que terá que adaptar os diálogos para unha dobraxe ou subtitulado. Á marxe da diversidade de argots técnicos e termos coloquiais por demais, co que un queda é con que mal se lles entende un carallo.
O meu coñecemento do inglés tenme dado para seguir no esencial moitos filmes en tal idioma, das décadas dos 40 ós 60, ianquis sobre todo, que carecen de subtítulos ou audio en idioma oficial aquí. Moitos destes filmes era de temática igualmente negra; aí remataba o parecido. A comparación entre liñas pronunciadas non á perfección, si con claridade na voz e certo coidado na dicción, e unha especie de rumor indistinto a abrollar de entre os beizos de Colin Farrell é coma estar no fondo do Atlántico ou no medio do Gobi. Se o seu personaxe me chegara a preguntar a que hora abren os bancos, teríalle respondido que non fumo.
É algo premeditado, entendo. Trátase de que un tipo maltratado pola vida fale na pantalla como falaría na realidade. Nada novo. Unha idea que empezou a ser popular hai 40 anos: que a ficción debe equivaler en todo o posible á realidade. É un xeito fino de lle dicir ó espectador que leva unha vida insustancial. Non se lles ocorreu que a ficción está para presentar a realidade libre de moitas das súas imperfeccións. Que nela non importa que un policía corrupto, alcólico e con gusto ocasional pola cocaína fale de xeito comprensible. Que debe facelo, de feito. A realidade, en tanto non se poida usar a súa fereza para o ben común (e isto non se vai lograr mediante a perversión de coidala un divertimento que non pode afectarnos), é mellor que fique na súa gaiola.
Ningún comentario:
Publicar un comentario