mércores, 18 de marzo de 2015

Un universo paralelo no noroeste



Debe ter a súa parte de realidade esa hipótese da ficción científica que suxire a existencia de mundos paralelos que en ocasións inciden no (chamémoslle) presente, polo común virándoo todo co de diante cara atrás. Se disque nos arredores das Illas Bermudas hai un triángulo devorador do que se lle bote con tal que se mova sobre a superficie da auga, na provincia de Lugo debemos ter unha especie de vórtice impalpable que torna absurdo todo canto pasa a través del, o moi carallán.
Exemplos hainos a centos e témome que non faltarán, polo que nos remitiremos á actualidade:
O outro día, Ángel Fernández Somoza, lector de El Progreso, explicaba nunha carta ó director un suceso non direi curioso, senón directamente putañeiro:
Unha veciña de Guitiriz vai á Consellería de Medio Rural por ver de mudar o xeito de explotación das súas fincas. Respóndenlle que é imposible. Esas fincas están a recibir unha subvención da Política Agraria Común, a PAC, moi famosa ela ultimamente.
A muller non sabe nada de tal subvención. Na vida a cobrou. Dinlle que alí consta o contrario desde o ano 2010. Ela di que, se xa que é así, lle aclaren quen anda a cobrar polas súas fincas. O funcionario responde que para iso terá que acreditar ser a propietaria delas. Ela pregúntalle como fixo logo a persoa que solicitou a subvención. Resulta que, para solicitar a subvención, non se esixe acreditación ningunha de propiedade; abonda con dar a referencia das parcelas e vai que chuta. En troques, á verdadeira propietaria esixíuselle certificación do Catastro e máis do Concello por cada unha delas se quería saber quen estaba a tirar rédito do seu.
Para remate desta situación mátame camión total, e despois de que a muller deixara probado que as fincas eran súas, a Consellería negouse a pagarlle o importe da subvención desde o 2010 ata agora, porque xa se pagara. Ó outro, si: ó impostor. Que si, que o era, pero vaia, que xa se pagou e non hai que lle facer.
Imaxino a expresión do funcionario que a atendeu. Xógome un par de entradas de cine de prezo ordinario a que ficou impávido. Se acaso cun sorriso artificial, indiferente en aparencia ó completo despropósito do que estaba a ser cómplice. Aínda mirando para a muller coma se a guillada fora ela, pobriña. Tamén, miña señora, adoece vostede por nada. Mire pola ventá. Vostede atenda. Mire o día. Mire. Tanto sol. Tanto azul. E vostede de fumes. 
O funcionariado aquí sempre me pareceu un enigma, algo tan incrible coma o propio caso. Comungan co inefable, coa inversión do sentido e da lóxica, coma quen interpreta unha obra teatral sen libreto. Cal pode ser a relación entre eles e máis ese chamémoslle vórtice ou triángulo que conecta este mundo lucense con esoutro paralelo? Serán eles ese vórtice ou triángulo? Ou foron engulidos e reprogramados por el? A resposta, á mesma bat-hora, na mesma bat-canle.

Ningún comentario:

Publicar un comentario