Foto: Steve Gardner |
Hai anos asistín a un curso para desempregados. Era unha carallada para a que en teoría estou formado, algo sobre financiación empresarial. Nada. O mellor era a xente. Seis horas diarias en horario vespertino pechados xuntos a aturar unha crónica troiana soporífera no mellor dos casos e demencial se entrabas nela a fondo deixa moito tempo para todo o demais, que é o que queda ó final, e non a contabilidade analítica ou as previsións de tesourería.
O conto é que había uns módulos estándar para tódolos cursos, e un deles era o de Igualdade de xénero. A profesora fora a mesma dun curso anterior. Segundo me vira alí sentado mandárame á casa: segundo as normas, considerábase que eu tiña validado o módulo. Non podo dicir que me entristecera. A outra vez, aquela individua botara douscentos cincuenta minutos de soliloquio. Literal: non permitía meter baza. Se cadra era coma Margaret Thatcher segundo Meryl Streep e alzaba a voz se temía ser interrompida. Ó remate da oratoria estrañárase do pouco faladores que eramos. Ninguén dixo nada tampouco.
Houbera algo máis do que se estrañara. Disque viñera de impartir o mesmo módulo na aula do lado e ficara impactada pola hostilidade recibida. Se lles dixo ós alumnos daquel curso o mesmo que a nós, non era moi perspicaz. O seu discurso podía resumirse en que tódolos problemas e defectos das mulleres teñen a súa orixe no patriarcado e en que tódolos homes son uns privilexiados inconscientes e insensibles. Un compañeiro intentou varias veces razoar con ela, aclararlle racionalmente por que acontecera aquilo que ela non se explicaba. A reacción da profesora fora negar, enrabechada, negalo todo. Sorprendeume aquela muller, a súa simple existencia. Ata entón coidaba imposible que os clichés fabricados na barra dun bar por puteiros fumadores de Ducados puidera materializarse en carne con semellante precisión.
Pero deberiades ver o alumnado do outro curso para entendelo. Nós cruzabámonos con eles á volta da pausa do café. Eran homes de cincuenta ou sesenta anos, cabelos branqueados, faccións marcadas polos regos e calzado barato; daban os bos días con voz rouca coidadosamente amable. Diríase que sentían estar a estorbar todo o tempo. E non, que habían estorbar. Limitábanse a fumar o pitillo á beira da porta automática mentres ollaban a rúa coa languidez do convicto a cadea perpetua que olla o mar desde unha prisión flotante. Non se movían a engano. Sabían que para eles aquela era a última parada antes do matadoiro.
Deles non volvín saber máis. Dela, só que adoita ir armar boureo á bancada do Pavillón dos Deportes cando xoga o Breogán, segundo un meu amigo seareiro que fixo o curso canda min. Cando menos, digo eu, aínda bo é que estea onde fai falta. Que empregue esa enerxía para o ben.
Ningún comentario:
Publicar un comentario