martes, 23 de setembro de 2014

Os tempos nunca chegados



A nosa xeración -a de Ferreiro e a miña- amou encarnizadamente a beleza do mundo, arelou liberdades e quixo coñecer a plenitude do tempos. Estes non chegaron, non deron chegado. Os que nos chamaban “existencialistas” con desprezo non saben a razón que tiñan. Hai un amargor en todos, que en Ferreiro é acedume e desconfianza, pesimismo bestial, en suma, que percorre O minotauro de enriba a embaixo.

(Do prólogo de X. L. Méndez Ferrín)


Ten dito Xosé Fernández Ferreiro que O Minotauro (Sotelo Blanco, colección Medusa, 1989) é a novela súa da que se sente máis orgulloso, malia ter pasado máis ben desapercibida. Puido deberse isto a moitos motivos: escasa promoción, outra moda vixente no momento, ou directamente repulsión por parte do lector. Pero desde logo, se de algo pode presumir, é de forza distintiva.
A novela está ambientada no hipotético (non sei se alegórico) país de Zambomba, colonia inglesa da que os ingleses se desentenden en todo o que non sexa a explotación da súa riqueza mineira. E alí todo o que non é iso é terriblemente cruel e sanguento. Hai pasaxes da novela que, de ter sido adaptada ó cinema, ou non terían acadado o corte final ou teríanlle valido ó filme a etiqueta de pertencente ó xénero gore. Porque vexamos: Temos ó gobernante do país, un homiño ruín que gustaría de ser chamado xeneral pero debe contentarse con ser chamado xefeciño. Este xefeciño é castrador por diversión e ten unha filla de mentalidade infantil que está namorada do descoñecido que a violou un día á beira do río. Viven nun palacio que antes foi cárcere e orixinalmente mosteiro, ata que mataron a tódolos misioneiros. E disque os sotos deste palacio consisten nunha rede de túneles onde vive xustamente o minotauro ó que alude o título, un home con cabeza de boi que, segundo os rumores, é irmán do xefeciño. O da castración (na praza maior) é, por certo, costume recente: antes organizaban concursos de peidos, habilidade seica moi valorada nun home naquel lugar. A luxuria está presente, normalmente aliada coa bestialidade (algúns persoeiros gustan de mesturar sexo e canibalismo antes, durante ou despois do acto), e tamén a maxia, por moito que moitos lugares leven nome de santo. Afírmase que a raza dos seus habitantes é o produto do apareamento dunha serpe xigante cun gorila xigante. E, segundo unha lenda, o río que atravesa o país converterase un día nunha enorme anaconda que o arrasará todo. Mais, de momento, os seus nativos teñen dabondo con conter as incursións dos seus (en teoría) compatriotas da rexión da Corda Negra, os chamados “búfalos”, que periodicamente asolan e saquean o resto do territorio. O ton pesimista nivel extremo evidénciase no feito de que non se vexa que este ciclo traia xamais cambio positivo. Os zambombanos seguen adorando as diversións salvaxes malia que tamén deban padecelas; na novela explícase que isto é así porque forma parte da súa natureza, que nin forasteiros nin misioneiros lograrán mudar. Os xefeciños sucédense. Algún foi antes líder de grupo rebelde oculto na selva, e nada máis acadar o poder prometeu rematar coa barbarie, para ó final recaer nela. Todo dexenera unha vez máis.
A idea central reside nese continuo nacer-morrer-renacer, inexorable e desesperanzado. Ó comezo sinalei como unha das razóns da pouca popularidade desta novela o rexeitamento que podería provocar no lector, polo menos no que acode á literatura en busca de todo o agradable que non atopa na vida, ou non na cantidade desexada. Pois O minotauro non é nada compracente. Sen ser o que se di explícita, pon en evidencia o que nos que nos desgusta, pero co que ó tempo non podemos evitar concordar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario