luns, 5 de maio de 2014

A cidade dos milagres

 
Foto: Junior Libby

Hai once ou doce anos, frecuentaba eu unha tenda de discos da Avenida da Coruña, hoxe inexistente (coma case todas as que había). Era un cubículo duns catro metros por tres ateigado do chan ó teito, de parede a parede, de cedés e algúns vinilos. Case non se daba un movido, pero mercaba alí porque podía escoitar o disco antes de decidir (apenas usaba a internet daquela) e, sobre todo, porque a dependenta me toleraba. Iso, nunha cidade coma Lugo, onde o tempo se estalica coma a goma de mascar e case non hai nunca nada que facer, é ouro. A moza era das que se levan ben con todo o mundo, tamén, cunha cordialidade crible, a diferenza desoutra de centro comercial. Alí non eras amigo, e tampouco un simple cliente. Un día, coido que me fixo algún agasallo (non sei se non me deixaría levar un disco por menos do que valía) e eu, agradecínllo cun bico na meixela. Eu era extremadamente introvertido con todo o mundo, decontado arroibaba por vergonza moitas veces inxustificada. Tal me sucedeu naquel momento. No mesmo día non pensaría moito no acontecido; si, en cambio, nos seguintes. Á vindeira vez que me deixei caer polo local, pregunteille á moza, con reparo, se non crería que aquel bico absolutamente inocente agochaba o toque do sátiro. Ela riu e negou con serenidade.
Porque iso era, unha parvada. Pois por que me tomei a precaución de comprobalo? Porque xa levaba vividos uns poucos malentendidos estúpidos naqueles meus vintepoucos anos de vida lucense. Aquí hai moitas persoas rexidas por un xeito de razoar particular, por veces a rentes do absurdo. Lembro ter ido polo Camiño Real camiñando detrás dunha muller que volvía insistentemente a cabeza, a vixiarme con mal disimulo cunha ollada de besta rebrincada, sen deixar de acelerar o paso. A min tomábame a risa: se fora violador e con medio cerebro, o último que faría sería procurar as miñas vítimas nunha rúa case céntrica, ás catro dunha tarde de verán, rodeado de ducias de testemuñas. Mais ela semellaba non estar a ben coa lóxica e practicamente corría coas súas curtas pernas. Eu tiven que valerme da longa alancada das miñas para adiantarlle pola dereita e (quixen crer) escorrentarlle así o medo.
Outra vez, unha noite, estando cunha moza que moito me intrigaba porque era a viva imaxe do ensimesmamento feisbuquiano, púxenme de brincadeira. Imitei, bastante mal por certo, a alguén tan terriblemente pechado como ela era, cun toque apoucado/indeciso. Aparte de porque ás veces son algo trasno nihilista, ou desa clase de persoas que nunca fan o que se agarda que fagan, pretendía examinar a súa reacción, por ver se sangraba cando a picaban ou ría se lle facían cóxegas. O resultado foi que ela coidou que de verdade lle estaba a facer as beiras. Custoume crelo, por mor da miña pobre actuación, e con todo disque así foi. A vindeira vez que, aínda curioso respecto ó seu illamento aparente, quixen tomar con ela un café, paroume os pés moi finamente, non coma se fora eu o tipo aquel que foi agardar a Sara Casasnovas armado cunha bésta á saída dun teatro, pero por aí.
É que esta é unha cidade especial. Moitos dos que nela viven semellan convencidos de que o máis inverosímil, os meirandes disparates, son perfectamente posibles. Xente extraordinaria, e non a do anuncio aquel do manicomio arxentino.

Ningún comentario:

Publicar un comentario