martes, 22 de marzo de 2016

Cando os nazarenos parecen manequíns


Foto: James De Mers

O meu barbeiro opina de que o que acontece no descenso do Cristo Vivinte de Castro Urdiales é un tormento real. Eu tratei de advertirlle que, polo que sei, é máis unha dramatización ca outra cousa, mais el teimou en que algúns dos cristos remataban na UCI logo dos vergallazos e a crucifixión con cravos, todo supostamente auténtico. Véndoo tan convencido, loei a devoción do suposto martirizado. Sen darlle creto, tampouco sería de estrañar que fose certo. É esta terra sufrinte e sentida ata extremos inimaxinables segundo para que cousas. E a cada punto máis. Non vou repetir o que xa dixen moitas veces. Ou si: a máis influencia da tecnoloxía na sociedade actual, maior avance do fundamentalismo emocional.
Por se estabades pensando niso, direi que o único exemplo non é a paixón pola Semana Santa. Hai por aquí unha chea de xente que escoita estas dúas palabras cun suspiro de desdén, mais inflámase cando sabe, poño por caso recente, da cadea de atentados en Bruxelas desta mesma mañá. E non se debe isto á pena polos mortos. Manifestan un loito moderado por estes bruxeleses, comedido por enriba de todo, que podería traducirse, en expresión moi da miña casa, coma que a eses pariunos unha cocha. A súa ardentía viría motivada, en troques, pola situación dos refuxiados que chegan de Siria ou de (disque) algúns “campos de concentración” en Turquía, por careceren da mesma cobertura mediática. Se chegaran a ter noticia das atrocidades semellantes a aquelas polas que se doen que acontecen no mundo a cada momento, padecerían unha depresión vitalicia ou terían metido unha de dous canos na boca e pulsado o gatillo.
En canto a sentimento, á beira destes denunciadores da parcialidade informativa, calquera nazareno é un manequín. Piden, penso eu, un imposible: que todo morto doia igual. Non podo ter verdadeiro dó nin de bruxeleses nin de sirios, pois nin entre uns nin entre outros hai persoas ás que coñeza e estime, que eu saiba. O que sei é que teñen en común algo: merecen toda axuda posible, pois case ningún deles escolleu o seu destino. Algo distinto é a arroutada. Lembro que, coa chegada dos primeiros refuxiados, o Ministro do Interior español advertiu que cumpría vixiar para que non se infiltraran xihadistas no medio deles. Para entendérmonos: non que houbera que pechar as portas, senón cachear ós que pasaban por elas. Pareceume tal idea unha excepción nel, por sensata. En cambio, menos produtor de telerrealidade, recibiu insultos de todo tipo.
Esa ardentía é garrafón do peor: do que embrutece (malia que se procure o contrario). E dáse bastante, por mentira que pareza, entre quen presume xustamente de aspirar a unha visión clara do panorama. Estou por pensar que o meu barbeiro está no certo. E que hai moitos bos pasionarios da Semana Santa en potencia que ignoran selo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario