martes, 8 de decembro de 2015

Vidas sen mortos nos armarios


Foto: Piotr Siedlecki

Estiven lendo Máscaras rotas para Sebastian Nell, de Alberto Ramos. Non o fixera antes porque lle tiña certa prevención; xa se sabe o que adoita acontecer cos premios literarios. Esa prevención esvaeuse ás poucas páxinas. Pagou a pena. Un dos seus poucos inconvenientes é que a metade do paxinado (400 páxinas) ou máis consista en citas de Shakespeare. Púxome a paciencia contra as cordas, mais resistín e lin de corrido. Logo hai un momento no que desaparecen para pasar, sequera brevemente, a Oscar Wilde: agradecino. Tampouco é moi de estrañar esa reiteración: a novela é a transcrición dunha longa entrevista a un actor británico bastante aborrecible e enfermo de Alzheimer nos últimos anos da súa vida. É unha novela estimable, moderna, superior á media aquí. Seríao mesmo sen as citas shakespearianas. Claro que, sospeito, non lle darían o premio en tal caso, por moito que o merecera igual.
Non a xeito de crítica, repararei noutro detalle. A novela ten dúas personaxes principais. Unha é o propio actor, Sebastian Nell. A outra é Rebecca Graham, a xornalista de The Guardian que o entrevista e asinará o libro produto desas conversas. Non é unha simple intermediaria, non. É a actriz que lle da a réplica ó actor nesa longa función final. No retrato que se fai de ámbolos dous, Nell aparece coma un monstro unhas veces, coma un torpe malicioso outras, coma a persoa máis solitaria do mundo case sempre. Graham, en troques, é digna e equilibrada, sen matices. O desenvolvemento lóxico do argumento deixoume decepcionado. Hai un momento no que, se a transcrición da entrevista ficara en manuscrito inédito, puidera terse dado a sorpresa: é cando Nell a acusa de conspiradora e ambiciosa. Aí pensei que a novela, vista desoutra maneira, superaría o nivel que amosara ata entón, se se descubrira que ela si tiña o pasado escuro que negaba ter. Mais non, claro que non. Axiña Nell volve ser un bufón tristeiro e Graham, Nosa Señora da Rectitude. Obvio, xa digo: nun libro publicado por ela mesma, xamais admitiría a súa culpabilidade en asunto tan escabroso, de ser certa. Sería unha incongruencia de calibre groso.
O que me interesa deste detalle é o retrato das dúas personaxes, por maniqueo. Sen haber heroe nin vilán, unha é boa, o outro malo. Será que son moi de novela negra (da boa, da menos compracente), na que ninguén é totalmente bo nin totalmente malo, senón humano. Neste sentido, é o xénero máis realista que poida haber. E coido que xa imos maiores dabondo para aceptalo. Aparte, e concordaredes comigo, unha existencia sen morto ningún no armario, grande ou pequeno, debe ser algo tan inimaxinable coma soporífero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario