xoves, 31 de decembro de 2015

Mensaxe multiusos Nadal/Noitevella/Aninovo. Ler baixo a propia responsabilidade


Foto: George Hodan

A sala do HULA na que instalaron o acelerador de radioterapia, polo que puiden ver no xornal, é branca e sen ornamento, agás por un detalle: unha paisaxe da Ribeira Sacra en panorámica, ocupando toda a parede contra a que se atopa o aparello. Probablemente a puxeron alí a propósito. Será o que vexa un paciente antes ou despois de se someter a radiación. Paréceme unha inxenuidade pensar que unha fotografía enorme dun río entre altos outeiros verdes ó sol poida aliviar o sufrimento que provoca o cancro. Mais eu non teño cancro. De feito, non dubido que poida funcionar. Tampouco o partido que goberna España, que decidiu poñer unhas eleccións xerais a 20 de decembro, cando demasiados votantes estarían a pensar no prezo do marisco, na reserva de mesa nun restaurante ou no modelo de tablet axeitado para un cativo de seis anos, pero non na importancia da súa decisión á hora de escoller papeleta. É máis: estráñame que non escollera un día de fins de decembro para anunciar algún dos seus moitos recortes orzamentarios ou a Lei de Seguridade Cidadá. Conxecturo que o contemplou e non logrou cadrar datas. O Nadal é esa época do ano na que máis doadamente se comunga con rodas de muíño. Porque unha xuntanza familiar ó estilo europeo meridional é unha moa das que precisaban dous burros para ser movidas. E o caso é que a xente é abnegada. Poucos haberá que rexeiten pasar por semellante proba de forza, por moito que se laien antes ou despois de ter que facelo cada ano. Nos últimos días do ano 2015, mantéñense as servidumes. Proclámase a liberdade individual para facer ou pensar case todo como signo de modernidade, agás no que respecta a costumes de hai séculos, ou milenios. Custa renunciar ó grolo acedo, tal vez porque iso representa renunciar tamén á sobremesa que rebaixa ese mal sabor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario