luns, 9 de novembro de 2015
A endogamia é mala, mala, mala
Foto: George Hodan
Non sei se sucede igual noutros sitios. Entre os lucenses, polo que teño visto, é moi típico, e sospeito que pode aplicarse ás outras tres provincias. Consiste no seguinte, é un supoñer: Alguén decide abrir unha carnicería, sen ter demasiada idea desta clase de negocio (en Lugo, o que se fai en caso de carencia fundamental de coñecementos é abrir un bar; sexa por non repetirse...). Resulta que non sabe nin como ha almacenar a mercadoría. Pérdeselle a carne toda. Un cliente, un descoñecido, decátase e recoméndalle facerse cunha cámara de frío. O carniceiro escoita, sempre escoita, sen chegar a seguir xamais o consello. “Cando teño xantado con este para que me veña dicir o que teño que facer?”, pensa, receoso por tras do ar falangueiro. É o único que analiza seriamente da situación. Como queira que a carne lle siga podrecendo, consulta a unha irmá, ou a un curmán co que ten un trato moi próximo, ou a seu pai, ou a súa tía. E, malia que lle suxiran como solución envolver a carne en follas de repolo e rezarlle tres avemarías diarias, o carniceiro fará o que se lle di. Sen dubidalo. E, por moito que persoas alleas lle insistan no inútil da medida, teimará en mantela mentres a familia teime en recomendala.
Nunca sei se é procedente citar a Fernando Sánchez Dragó. O caso é que este home dixo unha vez que a familia é o único sistema de seguridade social do mundo que funciona. Coa súa parte de esaxeración nesa exclusividade, é afirmación bastante certeira. Aquí, desde logo que si. A familia é banco de alimentos, entidade de crédito e oficina de emprego, entre outras cousas, todo nun. É o que queda cando non queda máis nada.
E, ó tempo, e como tributo por eses servizos, é a entidade básica de control do individuo nesta sociedade. (E noutras. Contaba James Ellroy que, na California dos anos 60-70, as sectas especializadas en captar adeptos coa carteira ben chea escollían a presa con moito coidado: nunca debía levarse ben coa parentela.) Por iso, cando sei de alguén que se atreve a seguir o camiño que desexa e non o que lle marca a familia ata o punto de romper relacións con ela, fico nun silencio impresionado. Ó rebelde tal vez non lle valla de moito, mais é mellor reacción cá frase que o resto do mundo lle ceibará, ese “Ti verás o que fas”, cruel e pusilánime, co que se deixa soa a unha persoa por non mollar os pés. Quen procura sequera un pouco de liberdade está condenado a un repudio mexeriqueiro. Confundir covardía con sentido común non é algo exclusivo de xente coma Mariano Rajoy.
Non sei por que se me ocorreu pensar nisto hoxe. Pode que o feito de que se tivera dado coma posible unha alianza total da esquerda galega prendera esta candea. En todo caso, esta aprehensión (definida como medo con frecuencia irracional a algo ou alguén) á hora de se fiar de descoñecidos explica moitas avarías na maquinaria desta terriña, e non só no social: tamén no político, como queda dito, e no laboral, no económico ou inclusive no editorial. Pero eu mesmo me sinto coma o cliente do carniceiro dicíndoo.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario