luns, 19 de outubro de 2015

A humana trapallada, gracias a Deus


Foto:  Peter Griffin

Gonzalo Pérez Jácome, do partido Democracia Ourensana, acusou hai pouco a Xosé Manuel Baltar de forzar un equilibrio moi peculiar nas contas da Deputación de tal provincia. Supoñendo que estea o primeiro no certo, o segundo tería dado instrucións para que as cifras dos resultados contiveran ou remataran exacta e exclusivamente no número sete, xa houbera que inflar facturas, disimular gastos e o que fixera falta. Tal número sería fetiche para o señor Baltar, segundo a prensa. Como por aquí hai tempo que deixou de ser novidade (que non motivo de indignación) nun gobernante a contabilidade creativa, reparo no insólito das características da trapallada. Decepcióname un algo que se trate do número 7. Polo menos, o señor Baltar podía ter a deferencia de empregar o 9, o máxico por excelencia segundo a Cábala e na tradición céltica que lle debera ser máis próxima. Amosar certa cultura non ten por que ser sempre visto coma un acto de pedantería ou consecuencia da falta de actividade sexual.
E ó tempo, hei de recoñecer que me marabilla esa peculiaridade. Hai que ter en conta que esta disque é a época na que o primeiro para unha persoa sen o porvir garantido sería o obxectivo material, ou sexa, os propios intereses, e o demais quedaría supeditado a iso. Onte mesmo linlle ó filósofo Rüdiger Safranski definir a Andrea Merkel coma una persoa “sen ideoloxía”; claro que non sei se lle hai que prestar moita atención a este home: tamén aprecia nela ausencia de vaidade no exercicio do poder.
En fin: impulsos coma este do señor Baltar coa súa teima irracional cun número ou o daqueloutro, non lembro se político ou empresario deses que levan no peto unha presa de billetes presos cunha pinza metálica, que consultaba a unha suposta vidente á procura de guía para os seus vindeiros movementos, coido que poden ser considerados atavismos. E menos mal. O ser humano semellaba destinado a se converter nunha máquina antes mesmo da chegada das máquinas destinadas a se comportar coma humanos. Nunha sociedade, tránsito de economistas, técnicos e analistas financeiros, na que se pretende obrigar ó cidadán a saber detectar posibles calotes bancarios porque o Goberno, ó contrario do que sería o seu deber, non pensa impedilos, que maneira ía haber de sobrevivir aparte de se converter nunha computadora andante? Mais estas reminiscencias do ser primordial, ese número 7, esa vidente, son coma eses relampos de consciencia rebelde do heroe dun filme de ciencia-ficción ó que o vilán hipnotizou para que cumpra a súa vontade. Dan pé para unha ilusión que, con todo, non sei canto tardarán en me arruinar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario