martes, 19 de maio de 2015

A vía directa (malia que doia)

Foto: Dawn Hudson


A tarde é como seguramente serán moitas deste vindeiro verán lucense: soleada e ventosa a partes iguais, de chapeu e cazadora abotoada. Á hora da saída dos colexios, baixando polo tramo en teoría peonil da Ronda da Muralla, entre Campo Castelo e Aguirre, por entre os bancos colocados de xeito que non impidan en absoluto a circulación normal de todo tipo de turismos polo empedrado, vexo pasar correndo un par de cativos duns dez ou once anos, rapaz e rapaza, con cadansúa carteira ó lombo. Ás miñas costas, soa unha voz anoxada: “¡Gallego de mierda! ¿Te lo repito en vasco?” O rapaz da a volta e di algo que non entendo. Decontado bota a correr de novo. Desta vez, o que pasa á miña beira é un fulano con aspecto de matar o tempo á entrada da estación de autobuses: gorra sucia, mouro de pel, barba de cañotos, xa sabedes, se sodes de por aquí. “¡Gallego de mierda! ¡Como te pille solo te rajo!”, bérralle ó rapaz, que ri cara el e sigue andando. A rapaza e mais unha muller van reprendendo nel pola súa temeridade. Non entenden por que lle seguiu a corrente, por que non calou. O rapaz non parece oír. Non deixa de rir, provocador. Perdín de vista ó vasco susceptible. Semellou optar polo máis convencional e deixalo todo en ameaza. Debeu quedar atrás, ou volver pola praciña de area da fonte das ras, hábitat máis axeitado para el, a xulgar pola clase de vida litroneira que por alí pulula. 
Chegando á altura dos rapaces, véxome tentado a poñer pose bogartiana e advertirlle a el, con entoación acorde: “Rapaz, non che convén andar pola vida a contestarlle á xente, e menos a tipos coma ese”. Case o fixen, pero non. O rapaz aparentara devecer por que a cousa fora a máis, por causa dun sentido común en cueiros, propio da súa idade, que é a de cruzar tódolos semáforos en vermello, que non precisa maior explicación. Eu alegreime de non ter que intervir na súa defensa. Demasiados problemas en pago por un pouco de acción.
Nesta cidade, a ofensa adoita lanzarse a distancia, rara vez cara a cara. Cando menos, tal me di a miña experiencia. En tódalas ocasións nas que alguén me agrediu verbalmente, ou había terra entremedias ou o agresor foi silandeiro. En voz alta, téñenme insultado desde o movemento de coches en marcha ou entre a multitude en terrazas de bares. Se non había escapatoria, disimulo: en voz baixa, por tras, para que non me decatara. Dixo o outro día Héctor Del Mar comentando a loita libre que se falan de ti ás túas costas significa que vas por diante de quen o fai. Pola peculiar maneira local de entender as relacións sociais, supoño que ós meus ofensores lles daba reparo. E iso resulta tan tranquilizador coma, en ocasións, aburrido, mesmo enervante.
Hai males que se evitaban coa proximidade e a limpeza da mensaxe. Sería bo para o destinatario, que incluso podería darlle menos importancia da que lle daría se aquela fora menos directa, e bo para o emisor: ou gañaba un amigo ou aprendía a forza de que lle partiran os nefres.
O dito ten múltiples aplicacións, mesmo en política, institucional ou non.

Ningún comentario:

Publicar un comentario