mércores, 11 de marzo de 2015

O chispazo de ron no café

Foto: Michael Drummond


Morreu Francisco Cacharro Pardo, “Cacharro” sen máis para tódolos que non pisaban con frecuencia os despachos do pazo de San Marcos, e “o cacharro das esmolas” para Xosé Manuel Beiras, no seu día, creo lembrar. Entre a moi previsible remesa de semblanzas laudatorias ou só necrolóxicas, dicía Xosé Ramón Gómez Besteiro, actual presidente da Deputación de Lugo, que o señor Cacharro xa formaba parte da historia desta.
Non son nada do outro mundo estas declaracións, por diferencias obvias, no sentido de que ninguén agardaría que dixera cousas coma que “foi coma un pai” para el nin outras fórmulas algo rancias nesa liña; aínda que si tivo o contido total un pouco máis de panexírico do agardado. Mais si é curioso ver que moita xente obrigada a emitir unha mensaxe protocolariamente eloxiosa ou sequera respectuosa adoece de pouca imaxinación. Dicir que un dos presidentes dun organismo pasou á historia del é un pouco coma dicir que o bacallau que veu cru quedou á portuguesa logo de pasar pola cociña. Naturalmente.
Sempre se pode ser máis creativo. Nin é pecado, nin é capitalista. En El Progreso foron máis finos: dixeron que Cacharro se axustaba á perfección á definición da RAE do termo “cacique”. A culpa foi da RAE, logo. Pero que carallo, polo menos é orixinal. Que alguén se había escandalizar se un persoeiro e non un xornalista dixera tal? Velaí a cuestión: esta época é ó tempo a do escándalo por nimiedades e a do millón de motivos para un escándalo lexítimo. Daquela, se vai haber escándalo fágase o que se faga, se non é por isto ha ser polo outro, non vexo por que non se deba arriscar. Pénsese que a cada punto a memoria é máis feble, ademais. Se 10 minutos despois o feito agora carecerá de relevancia, botémoslle ó café un chispazo de ron. Non implica o alcolismo: só buscamos a cor. Se se sabe facelo sen axuda, fágase. E se non, a ler a Groucho. Ou a catar o sabor da vida, case sempre salgado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario