xoves, 5 de febreiro de 2015

A fin da corda


Nun relato de Sam Shepard, non sei se era en Cruzando el paraíso (Anagrama), un actor vello afirmaba ter cada vez máis dificultades para atopar papeis, dadas tanto a súa decadencia física ("teño a faciana cada vez máis murcha (...) perdín case tódolos dentes de abaixo por mor do couce dun poldro no 75") coma a súa fobia ós avións. Xa se sabe o que dixo certo escritor cando lle preguntaron se a súa obra era autobiográfica ("nun 17%, aproximadamente"), mais coido ler que Shepard fala de Shepard.
Volvín velo estes días en Cold in July, filme recente nunca estreado aquí; tiven que botar man da descarga directa en versión orixinal con subtítulos en español latinoamericano. Aparte de que a data coincidiría coa saturación Hobbit, é doada de entender a súa ausencia das carteleiras. É o que chamarían "un western urbano": tres homes, un crime, unha busca, unha misión. É raro atopar filmes así ultimamente. Non se considera cinema sensible e intelixente. E o caso é que Shepard logra o milagre. Desde que escribira aquilo no seu relato, non deixou de traballar. E van alá décadas. E ten proxectos en posprodución.
Semella un exemplo evidente do que é un destino aparentemente encamiñado á fin que xamais da chegado a destino. Sigue por un camiño que non morre ó pé dun abismo, senón que se limita a seguir, e seguir. Sospeito que é algo que sucede tódolos días. Xa o dicía Richard Brautigan en Una mujer infortunada (Debate): as cousas sempre endereitaron o rumbo cando estaba convencido de que xamais o farían.
Esta época é propicia para esta especie de caídas adiadas. Camiñamos constantemente pola corda tensada no aire entre dous esteos longos. Coidamos que caemos, pero o paso dado nunca é en falso. Continuamos, a ver se, xa que non rematamos na rede, polo menos acadamos o outro esteo e pisamos en seguro. O outro esteo cae invariablemente á outra banda do horizonte, invisible por moito que se avance. A existencia é moi puta. Moito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario