Foto: Lynn Greyling |
No instituto onde fixen a FP había unha liga interna de fútbol sala, dividida en dúas categorías: FP1 (1º e 2º cursos) e FP2 (do 3º ó 5º). Eu adoiaba xogar coa miña clase. Ó primeiro, de porteiro, non me foi mal: subcampión da FP1. Na FP2 xa quixen facer o mesmo ca case tódolos rapaces: xogar de campo. Era malo coma a carne do pescozo. Os meus compañeiros ben se decataban, por iso facían os trocos nos que entraba eu no último minuto de cada tempo.
Dentro daquel equipo de 4º curso o meu nivel non era tampouco tan baixo. O problema era que querían xogar ó fútbol sala, cando o resto xogaba a unha especie de fútbol 11 con 5 xogadores. Os nosos partidos no pavillón d'A Piringalla sempre eran o mesmo: unha sucesión de toques ineficaces de lado a lado dun muro, catro roubos de balón dos contrarios e derrota, en progresión polo común negativa: 2-1, 5-2, 8-1... Obvio, se nin se viste manga curta nin manga longa, se nin se tira a porta nin se baixa apenas a defender.
Eu, á vista de tal panorama, optei por ser práctico: procurei exercer de dianteiro centro tipo columna de mármore. Mentres o equipo tecía a xogada, eu corría para estar desmarcado á beira da área contraria. Só lembro ter recibido dous pases, que convertín en dous disparos, un ó traveseiro, outro repelido por un defensa na raia de gol. Unha merdiña. E así e todo, os meus compañeiros precisaban 9 ou 10 ataques para obter un resultado parello.
A opción intelixente era a directa. O 90% dos gardamallas daqueles equipos érano á forza, porque alguén se tiña que poñer e máis nada: non sabían desviar un disparo sinxelo de media ou longa distancia. Moitos goles entraban en globo desde o medio da cancha ou arredores. E moitas veces llelo quixen explicar ós meus compañeiros. Nunca me escoitaron. Non miraban para min cando lles falaba, e non era raro que entretanto discutiran a media voz entre eles coma se tal cousa.
Non era que eu lles caera mal, non. Simplemente, non lles caía. Eu era só aquel fulano que viña sen que ninguén o chamara. Se o que dicía eu o dixera outro dos do grupo, consideraríano. En Lugo, e talvez en Galicia, en xeral, é moi frecuente valorar non tanto o que se di ou aconsella coma quen o di ou aconsella.
O meu equipo ficou dos últimos clasificados, seca ofensiva e peneira defensiva. Non direi máis. Pero enténdese, ou?
Ningún comentario:
Publicar un comentario