O señor Pombo, profesor
meu de Lingua e Literatura Galegas nos meus tempos da Formación
Profesional, co seu bigote e os seus lentes sen montura e o seu ton grave, era unha desas persoas nas que o miolo se impón ás
entrañas. Hoxe que está de moda a palabra zen, podemos dicir
que era un individuo en aparencia cen por cen zen: o radicamente oposto a unha chamada Persoa con Carácter. Xamais lle oín
erguer a voz, nin notei quentarse o seu xenio, nin o vin andar
arredor de ninguén facendo o parvo para poñelo de súpeto contra a
parede e pillalo en falta. Faríaseme inimaxinable calquera estridencia ou exhibición de ardor en alguén coma
el. Tampouco o precisaba para deixar quedar a un coma un completo
ignorante, sen pretendelo e sen necesidade de espaventos dramáticos,
polo peso dos seus argumentos, pola forza que lles confire a
intelixencia.
O señor Pombo non é
popular. Iso queda para os seus radicalmente opostos: a Xente Con Carácter. Esas persoas das que
moitas outras afirman, con admiración, case con fervor, que ese ou
esa “tenos ben postos”. Adoitan reforzar a frase cun aceno
consistente ben en simular sopesar dúas laranxas grandeiras, unha en
cada man, ben en facer coma que turran polas rendas dunha besta. Por
norma, desconfío dese tipo de xente, porque toda a Xente Con
Carácter que coñecín actuaba, no esencial, dun xeito oposto a como
se supoñía que deberan actuar. Por unha parte axustábanse á
descrición: o seu temperamento volcánico petaba na mesa do
empregado de banca que lles quería cobrar unha comisión abusiva ata
que este desistía, no sitio de cagarse mentalmente na nai que o
fundou e volver á casa algo máis pobres, como fariamos moitos
outros. Mais, pola outra, e á hora da verdade, estas persoas
procedían con nocturnidade. Moita Xente Con Carácter levo visto
atacar (non fisicamente) polas costas a quen entendían que os
ofendera ou lles fixera unha mala xogada, a eles ou a outros, logo de
agardar o momento axeitado para sorprendelo coa garda baixa. Tal acto
é claramente impropio da nobreza que se lle presupón a unha persoa
que vai de fronte.
Por iso, eu non
acredito na Xente Con Carácter. Aquí, en troques, a actitude xeral
cara ela é a contraria. Ese camiño torto semella invisible para o
resto de mortais e o que fica é o aceno puxante indicativo de
liderado. De igual maneira, teño lido que eses cantantes de voz
potente que atraen ás masas ata o delirio son unha reminiscencia atávica, a do
homínido xefe que guía cos seus urros á tribo enteira. Así, aquí á
Xente Con Carácter entregaríanlle en propiedade a Terra e mailo Ceo se non fora porque, polo que se ve, a Xente con Menos Carácter,
esoutra que ten o mesmo vinagre pero moito menos sal, dispón de mellores
padriños.
A min inspírame
máis confianza os señores Pombo. Eses
que, xa non é só que nunca gañarían unhas eleccións, senón que nin
sequera encaixarían nun ambiente tabernario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario