luns, 30 de decembro de 2013

Forza intrusa

 
Foto: Linda Allardice

"É a última vez que confío nun camelo descoñecido", pensou, coa testa contra o espello do cuarto de baño do plató. Non estaba mareada, non. Sentíase "rara". Non podía ser da cocaína cortada con o demo sabía o que. Era algo diferente. Fisicamente, estaba igual cás outras veces. Mais por dentro non.
Tivo que imitar o seu comportamento estándar, porque non lle saía con naturalidade. Saudou ó resto de participantes no faladoiro, púxose cega a café e lambetadas e, co aviso, buliu a ocupar o seu lugar na mesa, entre a presentadora e un pretendido militante da esquerda á esquerda da esquerda con pano palestina e cola de cabalo e ensaiou con el as brincadeiras de dereitista rancia de toda a vida. Imposible. Soubo, verdadeiramente preocupada, que esquecera como actuar así.
Tiveron que facer unha pausa publicitaria non prevista. A directora do programa chegou correndo desde tras das cámaras e tomouna polos ombreiros. "Estás ben?", preguntoulle, verdadeiramente preocupada tamén ela, se ben noutro sentido. "Ti estás ben?" E era que, en todo o programa, non interrompera, nin falara a berros, nin empregara a palabra "progre", nin lanzara acusacións de demagoxia, nin cargara contra a relixión musulmana. Nada. En troques, amosárase comprensiva, lúcida, respectuosa e mesmo simpática. Tiveran que parar porque, pola súa causa, o debate arrefriaba sen remedio ata parecer un intercambio cabal de ideas.
O descanso non obrou nela efecto rexenerador ningún. Á volta da publicidade, a súa ausencia foi excusada por "motivos persoais". Mentres, no asento traseiro do taxi de volta a casa, ela lembrou como, no momento no que aquel individuo louro de aire andróxino entrou no recibidor ás escuras da súa casa e dixo que o de sempre non podía vir, todo semellou iluminado por un estoupido de luz branquísima de apenas un segundo de duración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario